Friday 10 de May de 2024

Pilar Barreiro Senra correrá por primeira vez na carreira popular que leva o seu nome e que terá lugar o 21 de maio en Lousame


O Concello de Lousame porá a disposición dos participantes un servizo de gardería gratuíto para que poidan acudir ao evento en familia e disfrutalo plenamente
Á terceira vai a vencida. A atleta Pilar Barreiro Senra anunciou esta maá que participará como corredora e co dorsal número 1 na III carreira popular “Pilar Barreiro Senra”, organizada polo Concello de Lousame e que terá lugar na mañá do domingo 21 de maio. Así o confirmou a loureada atleta lousamiana e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, esta mañá durante a presentación da proba. Un acto no que estiveron acompañados pola concelleira de Deportes, María Regenjo; Ezequiel Mosquera, representante de EME Sports; os atletas locais Fernando Pérez “Dete” e Marcos Mayo; así como polo coordinador da proba e técnico de Deportes, Néstor Romero.

A madriña da proba, Pilar Barreiro, indicou que “cada día o calendario de carreiras está máis cargado, polo que é complicado para todas as probas garantir un mínimo de participantes”. Porén, Barreiro Senra explicou que “polos comentarios e o ambiente que se viu nos dous anos pasados, penso que a xente quedou encantada e estou segura de que moitos van repetir”. Neste sentido, indicou que o percorrido da proba é interesante pois “é un percorrido que se pode disfrutar e que, ao ser de ida e volta, permite ver moi ben o tempo no que vas”.

Un punto no que incidiu Ezequiel Mosquera, quen confirmou que volverá correr a proba co dorsal número 4, pois “vivimos un boom de carreiras populares”. Sen embargo, salientou que a de Lousame “é unha proba de aldea pero ben feita. E á xente gústalle vir. Seguindo así sempre terá unha peculiaridade que atraia todos os anos”. Unhas palabras que agradeceu Teresa Villaverde pois “para nós aldea é un valor. Esta é unha carreira do rural e diferente porque o que intentamos é fomentar o deporte, máis que gañar medallas. Queremos fomentar que dende os máis nenos ata os maiores practiquen deporte porque é positivo para ter unha vida saudable”.

Neste sentido, Villaverde indicou que “queremos que o 21 de maio sexa un día diferente e animamos a todos a que veñan a Lousame, pois agardamos a mesma ou maior participación que en anteriores edicións e facer dese domingo un día do deporte en Lousame”. Así, salientou a novidade deste ano: “unha aposta pola conciliación. Vimos que había familias que viñan participar pero que non tiñan con quen deixar aos nenos, polo que imos ofrecer un servizo de gardería para que poidan desfrutar da carreira coa tranquilidade de que o seu pequeno estará ben coidado”.
Un punto no que coincidiu a concelleira de Deportes, María Regenjo, quen salientou que “esta carreira é un evento que atrae a moita xente ao Concello e é tamén unha oportunidade para darnos a coñecer”.

Atletas locais

Outros que confirmaron a súa participación son os atletas locais Marcos Mayo e Fernando Pérez “Dete”, quen salientou que “é algo bo que se manteñan esta carreira para fomentar o deporte base en Lousame”. Así mesmo, indicou que “os que competimos a alto nivel, ás veces nos perdemos a satisfacción de correr entre amigos e desfrutar dunha carreira coa xente, como farei nesta proba”.

Un punto no que coincidiu Marcos Mayo, membro do Club Atletismo Lousame, quen felicitou aos organizadores polo traballo realizado e propúxolles unha mellora: “estanse facendo as cousas moi ben pero o que se pode mellorar é facer que a carreira teña lugar nunha data fixa todos os anos. Penso que para os que corremos todo o ano sería bo sabelo para poder reservar a data xa dun ano para o outro”.

Horarios da proba

O coordinador da III carreira popular “Pilar Barreiro Senra”, Néstor Romero, foi o encargado de presentar a proba, que terá lugar o domingo 21 de maio. Unha proba de 10 quilómetros na súa categoría absoluta e cuxo prazo de inscrición estará aberto ata o xoves 18 de maio, ás 23:59 horas, a través da páxina web www.emesports.es. Os prezos mantéñense con respecto ao ano pasado: 6 euros (proba absoluta/adultos) e gratis (menores de 17 anos).

Romero Agra agradeceu “a Eme Sports e a Ezequiel Mosquera polas facilidades na organización da carreira, así como a colaboración ofrecida pola agrupación de Protección Civil de Lousame, á rede de voluntarios do municipio, Club Atletismo Deportes Hermida, Club BTT O Treito, Plus Ultra Seguros, Autos Patiño, Gadis e Cruz Vermella”

A recollida de dorsais da I Carreira Popular “Pilar Barreiro Senra” terá lugar a partir das 8:30 horas do domingo 21 de maio na praza Teodomiro Hidalgo e será imprescindible presentar o DNI para a súa retirada. Ademais de polo dorsal, os participantes estarán identificados por un chip que deberán colocar nas zapatillas antes da saída. O feito de non levalos dará lugar á descualificación do corredor.

As probas escolares darán comezo ás 10:00 horas coas categorías cadete (nados no 2002-2003) e xuvenil (2000-2001), que percorrerán unha distancia de 3.500 metros con saída e chegada no KM 0 da estrada Portobravo-Tállara. Ás 10:25 horas sairán os corredores das categorías Alevín (2006-2007) e Infantil (2004-5) para percorrer unha distancia de 2 quilómetros. Ás 11:00 horas terá lugar a proba xeral na que os corredores deberán percorrer unha distancias de 10 quilómetros.

A III Carreira Popular “Pilar Barreiro Senra” completarase ás 12:20 horas, coa carreira de 500 metros dos benxamíns (2008-9); e ás 12:30, coa dos prebenxamíns (2010-2) ao longo de 150 metros. As probas pecharanse ás 12:40 cos 50 metros para a categoría Chupete. En todos os casos, a inscrición dá dereito a seguro de responsabilidade civil, seguro de accidentes, avituallamentos e outros servizos como vestiarios, duchas e agasallos conmemorativos.

O Concello de Lousame entregará medallas a todos os participantes das categorías chupete, prebenxamín, benxamín e alevín, é dicir, rapaces e rapazas menores de 11 anos. Tamén haberá trofeos para os tres primeiros homes e mulleres da carreira absoluta, outros tres trofeos para os gañadores de cada unha das nove categorías restantes (tanto para homes como para mulleres) e trofeos especiais aos participantes máis veteranos (tanto home como muller) e aos tres mellores atletas de Lousame na categoría absoluta. Os premios non serán acumulativos. Ademais, todos os participantes serán agasallados cunha camiseta técnica conmemorativa da proba.

A III Carreira Popular “Pilar Barreiro Senra” está organizada polo Concello de Lousame e conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña. Máis información en www.emesport.es; www.correrengalicias.es, e www.concellodelousames.es ou no teléfono 981 825780.